O Cineclube

Van máis de sesenta anos dende que o Cineclube Pontevedra, o máis antigo dos cineclubes galegos, botou a andar un 13 de xuño de 1954, coa proxección de catro filmes cedidos pola Embaixada Francesa: Farrebique ou Les quatre saisons (Georges Rouquier, 1946), Van Gogh (Alain Resnais, 1948), Versailles et ses fantômes (Jean Béranguer, 1949) e Balzac (Jean Vidal, 1951).

Daquela, o seu domicilio social estableceuse nas oficinas da Delegación Provincial de Turismo de Pontevedra, cuxo delegado provincial era Julián Álvarez Villar, un dos membros fundadores do cineclube. A súa autorización definitiva data do 18 de agosto de 1954. Pouco máis dun ano despois -o 17 de outubro de 1955- prodúcese o primeiro relevo na súa xunta directiva. É entón cando emerxe a figura de Juan Manuel Lezcano i Castedo, que alternará os cargos de secretario e presidente até os anos oitenta.

No ano 2004, xa con Ana Fernández na presidencia, o Cineclube recibe o Premio Especial «José Sellier» da Academia galega do Audiovisual pola súa traxectoria e en 2014 foi merecedor do Premio Cidade de Pontevedra.

Ao longo da súa extensa traxectoria, o Cineclube Pontevedra desenvolveu múltiples actividades. Combinou a súa programación regular con ciclos temáticos específicos (dedicados á arquitectura, infancia, muller...) e con actividades lúdicas e educativas materializadas en obradoiros relacionados co cine e dirixidos á rapazada de centros de ensino ou asociacións culturais.

Actualmente, despois de anos de itinerancia por diversos espazos da cidade, e cunha nova directiva á fronte, o Cineclube volve ao centro da cidade, ao Teatro Principal de Pontevedra, onde desenvolverá a súa programación regular a partir de agora.

Con tecnoloxía de Blogger.